Casa Museo Victor Corral

Víctor Corral naceu en Baamonde en 1937 nunha familia de once irmáns. Hoxe é escultor de talla internacional, e en Baamonde abre ó mundo a súa Casa-Museo.

Estudou Artes e Oficios na Coruña co escultor José Juan, e en Barcelona con Montagut. Tivo obradoiro en Barcelona, onde chegou a tallar 40 “Quixotes” no día; expuxo con éxito, e volveu á terra para consagrarse como gran artista, xa que, según Francisco Pablos, “comprendeu que había outros mundos, pero estaban no seu, no seu Baamonde natal, porque o universo todo pode e debe encerrarse na propia imaxinación creadora”.

Ten exposto en Lugo, A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Oviedo, Madrid, Barcelona, Xenebra… A súa obra figura no Parlamento de Galicia, en museos de Chicago, Nova Iorque, Lugo, A Coruña, Pontevedra… Ten obras en lugares públicos de Vilalba, Guitiriz, As Pontes, Begonte, Cospeito, Foz, Cacheiras, e en varios puntos da Autovía e N.VI Madrid-A Coruña.

victor corral 1

Víctor Corral traballa pedra, madeira, marfil… e as materias inertes cobran vida nas súas mans milagrosas. Comezou a esculpir nos cornos das vacas da súa familia, nas árbores vivas da súa casa, e despois dun longo camiño polo mundo da arte utilizando todo tipo de materiais, ten máis de dous milleiros de obras (miniaturas ou xigantescas), entre as que destaca a capela instalada no interior do castiñeiro milenario das inmediacións da igrexa de Baamonde, e a súa Casa/Museo feita por el, pedra a pedra, incrustando nos seus muros tallas singulares, convertíndoa no marco perfecto para o museo no interior e no xardín exterior, polo que anualmente pasan máis de vinte mil persoas.

A obra de Víctor Corral fala de Deus, das miserias do mundo, da natureza, da pureza, da inocencia, do amor. Para Castro Couso, Víctor “chega a unha esencia mística, máis alá do puramente material”.

victor corral 2

O profesor Novo Cazón, estudioso da vida e obra de Víctor Corral, indica que “Trapero Pardo, Castro Couso, Esther Ollo y Comas, Malú Sánchez, conflúen todos eles en determinar o estilo propio e xenuíno do escultor, á marxe das vangardas e das tendencias artísticas. Aínda así, na obra de Corral pódense percibir ecos do románico e do gótico, influencias do manierismo de Miguel Anxo, trazos do impresionismo de Rodin, e do expresionismo, e por riba de todo o tipismo galego ao estilo de Asorey, presente en toda a súa obra”.


De Víctor, díxoo todo Manuel María:

 

 

 

 

A túa escultura, pura como a rosa,
con recendo a terra e primaveira
é un asombro total, unha fogueira,
unha paixón acesa e fervorosa.
A súa nidia verdade temblorosa
ten unha forza fatal e verdadeira
pois agroma da pedra ou da madeira
como unha clara fontenla misteriosa.
Ti fas, Víctor Corral, case da nada,
un mundo necesario de esperanza,
aberto á marabilla inagardada…

 

victor corral 3

 


Ver Begonte Turismo · Puntos nun mapa máis grande

Últimas novas

Xa podes visitar o Belén de Begonte

Visitas do 04-12-2016 ao 30-01-2017
O 4 de decembro abriu as portas o Belén de Begonte e van 45 edicións, lugar de peregrinación no nadal ...
09/12/2016

Belén de Begonte dende 1972

O Belén de Begonte xa se pode visitar, e van 44 edicións nos que xente de todos os lugares pasa ...
16/12/2015

Resultado do IV Concurso de Tapas Concello de Begonte

*Fotos dos premiados as mellores tapas por votación popular. O martes 10 de novembro de 2015, fíxose o reconto dos ...
11/11/2015
Máis novas→