O Belén

Cada ano, arredor de 40.000 persoas de todas as idades visitan en Begonte o Belén Electrónico que en 1972 fundaron José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela, fillo predilecto a título póstumo do Concello de Begonte. Xentes de toda Galicia peregrinan a Begonte facendo deste pobo chairego a capital do Nadal en Galicia.

Velaquí o que del dixo Fiz Vergara Vilariño, o poeta de Santalla de Lóuzara:

Inquedos armadanzas con paciencia
ergueron en begonte un monumento:
Ronsel de paz divina, facha ao vento
rebordante de amor e transparencia.
Déronlle, apaixoados, a inocencia
da poeira do camiño borrallento
mixturada cun máximo talento
a se erixir no centro da conciencia.
Déronlle, asemade, luz da estrela,
guieiro dos peregrinos ao portal
na grande noite serea e misteriosa…
Déronlle, en fin, ciencia ben sinxela
para facer de Begonte unha lanzal
Galilea máis galega e máis fermosa
 

O Belén

O Belen

Trátase dun Belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional axeitado a Galicia, onde os labregos cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpentean e os pescadores pescan. Todo para mellor escenificar e representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición.

No decurso dos anos o Belén foi medrando, ocupando toda a planta baixa do local onde está instalado, e cada ano vive unha fonda transformación para que os que acoden tódolos anos a velo –que son moitísimos- teñan sempre novidades que ver e que contar.

Desde hai uns anos, na sala inmediata ó Belén está montado o Museo do Belén, onde se van incorporando en cada edición os edificios, as figuras e os conxuntos animados que cada ano van sendo renovados na instalación.

 

belen

O Nadal

A tempada do Nadal, en Begonte, dura dous meses. Desde comezo de decembro ó remate de xaneiro.

O comezo márcao o Pregón do Nadal que pronuncia un persoeiro da vida cultural, social ou relixiosa de Galicia. Pregoeiros do Belén foron os dous últimos arcebispos de Santiago de Compostela e os bispos de Mondoñedo-Ferrol e Lugo, Fraga Iribarne, Vázquez Portomeñe, López Besteiro, García Leira, Manuel Regueiro, Luis Rial, Tuñas Bouzón, Filgueira Valverde, López Orozco, Adolfo de Abel, Blanco Campaña, Jesús Parga, Emilio Valadé…

Cada ano convócase cadansúa edición do Certame galego de arte “José Domínguez Guizán”, Certame Nacional de Poesía sobre O Nadal, Certame de Xornalismo sobre O Nadal, Certame de Debuxo infantil, e publícase un libriño cos traballos premiados en cada edición dos certames de poesía e xornalismo.


Todos estamos invitados a visitar o Belén de Begonte, agardando que, como quería Fiz Vergara Vilariño, nos aproveite a visita:


"A Begonte este ano iremos
pra visita-lo Belén;
de Begonte voltaremos
encheitos de paz e ben.
"

 

HORARIO DE VISITAS Ó BELÉN ELECTRÓNICO
Laborables: previa reserva
Festivos: 11,00 a 14,00 e 15,00 a 20,00 h.
Grupos: Avisar previamente no tfno. 982 396 121

 


Ver Begonte Turismo · Puntos nun mapa máis grande

Últimas novas

Xa podes visitar o Belén de Begonte

Visitas do 04-12-2016 ao 30-01-2017
O 4 de decembro abriu as portas o Belén de Begonte e van 45 edicións, lugar de peregrinación no nadal ...
09/12/2016

Belén de Begonte dende 1972

O Belén de Begonte xa se pode visitar, e van 44 edicións nos que xente de todos os lugares pasa ...
16/12/2015

Resultado do IV Concurso de Tapas Concello de Begonte

*Fotos dos premiados as mellores tapas por votación popular. O martes 10 de novembro de 2015, fíxose o reconto dos ...
11/11/2015
Máis novas→